Biografía

Contexto Histórico.

Os anos 1886 – 1950 constitúen un intre histórico de grande importáncia para Galiza. Será nestes anos nos que Galiza se dignifica cultural e políticamente, feito que coincide cuns momentos moi críticos para a economia labrega e mariñeira. De seguido damos uns pequenos dados destes dous aspectos tan decisivos para a vida dun país pre-capitalista como era a Galiza de fins do século XIX.

A AGRICULTURA:

Desde meiados do século Galiza ven funcionando como unha colónia do Reino Unido e a partires do 1914 do Estado Español. Galiza proveía de gando a estes dous estados colonialistas, sen que o País obtivé-se ningun benefício, é dicer, o intercámbio comercial era netamente desigual, e o campo galego non poderia modernizar as suas técnicas de explotación da terra. Por si fose pouco, os escasos benefícios que os labregos obtiñan deste comércio eran destinados á terra para liberá-la dos foros.

O foro era un contrato agrário mediante o cal o labrego facia uso dos bens dos foratários, persoa aristócrata ou pequeno burgués, que posuian a meirande parte da propriedade da terra, e a cámbio, o labrego tiña que pagar unha renda.

As tentativas para a abolición dos foros xa se fixeran patentes desde finais do século XIX, pero o asunto quedou legalmente finiquitado co decreto-lei de Redención dos Foros no ano 1926. De todos os xeitos, xa era un proceso imparábel desde primeiros do século XX debido ás presións dos labregos e ás organizacións agraristas.

Por se fose pouco, os labregos aínda tiñan que facer frente aos trabucos ou impostos das institucións.

Todos estes factores (colonialismos, foros, trabucos) repercutiron negativamente no proceso de modernización da agricultura, creando un estado de inxustiza social, de atraso, que Castelao nos ensina moi clararamente no seu álbum Nós.

A PESCA:
Galiza viviu até o século XVI-XVII un período de prosperidade neste eido, que se viu truncado coa aparición das indústrias catalanas que trastocaron os esquemas tradicionais de explotación do mar, impoñendo as suas artes expoliadoras para obter a máxima rendibilidade. Isto supón a ruina dos pequenos industriais ao non poder competiren con estas artes depredadoras. Surxen os asalariados e xornaleiros que traballan para as industrias catalanas asentadas na Galiza cuns salários moi baixos o que produce procesos migratórios en busca de mellores oportunidades.

A primeiros do século XX aparecen as industrias conserveiras, que viviron unha fase de expansión logo da 1ª Guerra Mundial. Estas indústrias conserveiras foron promocionadas polos industriais cataláns.

A EMIGRACIÓN:
Todos estes aspectos da vida económica galegan desembocan no inevitábel camiño da emigración transoceánica, emigración que acada no tempo no que viviu Castelao cifras arrepiantes, medio millón de persoas, na sua meirande parte homes en plena mocidade. A emigración produciu, asimesmo, desaxustes demográficos, sociais, políticos e económicos. A poboación galega facia-se moi vella; os emigrados voltaban, cando voltaban, cunha elevada dose de autoodio para co país, etc.

A crenza de que América era unha terra de oportunidades, Castelao tentou contrarrestá-la plasmando nos seus debuxos do Álbum Nós as misérias, o drama, do emigrado.

UNS PEQUENOS DADOS BIOGRÁFICOS DE CASTELAO:
Nasce o 29 de xaneiro de 1886 en Rianxo, vila situada na ria de Arousa. O pai emigra ese mesmo ano á Argentina.

En 1895 embarca coa sua nai para Buenos Aires.

En 1900 volve a Galiza coa familia e ingresa no Instituto de Bacharelato de Santiago.

En 1903 empeza a carreira de medicina, licenciando-se en 1909.

En 1912 casa na Estrada con Virxínia Pereira.

En 1913 nasce o seu único fillo Alfonso Xesús.

En 1914 ten o seu primeiro acceso de cegueira.

En 1918 participa na Asemblea Nacionalista de Lugo.

En 1919 intervén na 2º Asemble Nacionalista de Santiago.

En 1920 asume a dirección artística de Nós, e expón as estampas do álbum Nós.

En 1925 publica CINCUENTA HOMES POR DEZ REÁS.

En 1926 publica COUSAS na editorial Lar.

En 1927 agrava-se a sua doenza dos ollos.

En 1928 morre-lle o seu único fillo.

En 1930 o Seminário de Estudos Galegos edita AS CRUCES DE PEDRA NA BRETAÑA.

En 1931 participa no mitin conmemorativo dos mártires de Carral en Vigo e no mitin da Alameda do Cruceiro de Ourense. Resulta elixido Deputado nas Constituíntes da República.

En 1933 é nomeado académico da Real Academia Galega.

En 1934 asina o pacto de Compostela e xorde Galeuzca. Publica OS DOUS DE SEMPRE e RETRINCOS.

En 1936 volta a ser elixido deputado nas eleicións do 16 de febreiro. Dirixe a campaña a prol do Estatuto de Galiza.

En 1937 publica GALICIA MÁRTIR E ATILA EN GALICIA, en Valéncia.

En 1938 viaxa a New York con Virxínia en campaña de propaganda a favor da República. Edita o álbum MILICIANOS. Viaxa a Cuba.

En 1939 fai OS DEBUXOS DE NEGROS. Viaxa a New York e Califórnia. É nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades de Negros.

En 1940 viaxa á Argentina con Virxínia e son recibidos con clamor en Buenos Aires.

En 1.941 estrea a obra teatral OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE en Buenos Aires e Montevideo.

En 1944 funda e preside o Consello de Galiza no que se integran os deputados Suárez Picallo, Elpídio Villaverde e Alonso Ríos. Publica SEMPRE EN GALIZA editado polo Centro Ourensán de Buenos Aires.

En 1948 pronúncia o ALBA DE GRORIA, o seu discurso máis fermoso e tamén o derradeiro no Centro Galego de Buenos Aires. En Alba de Groria non soio expresa Castelao a saudade dos emigrados pola terra lonxana, endexamais esquecida, senón que dá forma a unha grande imaxe dunha Santa Compaña composta por galegos inmortais: santos, guerreiros, estatistas, nomes de ciéncia e de letras que abraia o espectral misterio da alma dos galegos, para rematar coa máis belida e xusta evocación do pobo inmorrente de Galiza. Os emigrados, a história, o pobo, constituen os temas de tres grandes frescos que o talento plástico de Castelao fixou en palabras, imposibilitado físicamente de facelo nos grandes lenzos de parede con que soñou quizais na sua mocidade.
O 7 de Xaneiro de 1950 un “carcinoma de pulmón” remata coa vida física de Castelao, pero quedará para sempre o seu legado artístico, político, humano.

Bibliografía:
– HISTÓRIA XERAL DE GALICIA, VV.AA., edicións A Nosa Terra, 1997.

-ARTE E VERDADE (a obra literária de Daniel Castelao) de Manuel Rei Romeu, edicións do Cumio, 1991.

– O NACIONALISMO GALEGO de Justo G. Beramendi e Xosé M. Núñez Seixas, edicións A Nosa Terra, 1995.

– CASTELAO E BÓVEDA, IRMÁNS, vv.aa., edicións A Nosa Terra, 1986.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: